Benvido á historia de Itaca, xa van máis de 30!! Así que aquí poderás atopar o desglose do que foron estes anos. A ver se te recoñeces!
Nace o Grupo Scout Itaca, con locais cedidos pola igrexa na propia Rúa Nova e na igrexa de San Fiz. O grupo nace dentro de Scouts de Galicia, pertencente ao MSC (Movemento Scout Católico). O campamento de verán será xa desde aquí sinal de identidade, pero nos locais arranxados pola propia xente de Itaca ferven actividades sábado tras sábado, e fanse acampadas a principio de curso, no Nadal e en Pascua.
Lobecos, Rangers, Pioneiros, Rutas... Terminoloxía adoptada dos scouts que definen as etapas do proxecto. A pañoleta gris e vermella identifica e ademais serve para moitas outras cousas... Hai mais acampadas e campamento de verán. Do Grove a Vedra. Fanse campamentos de principio de curso preto da casa e quedamos na estación de autobuses ou de tren para chegar aos sitios.
Máis lugares que visitar. As rutas nos campamentos de verán son xa unha institución. Non paramos nin un momento e imos percorrendo o pais a golpe de calcetín. Desde Abelleira como base, Muros, Carnota... Durmimos nun faro ou nunha sala de autopsias.
O proxecto consolidase e expándese. O agrupamento medra en xente, ideas... Son tempos de moita creatividade. Monitores e monitoras de Itaca participan activamente en Scouts de Galicia, e isto plásmase en actividades con outros grupos. Desde os plantexamentos do escultismo profundizamos en ideas clave coma a autoxestión dos proxectos e actividades, e a implicación cada vez maior de nenas e nenos na creación e xestión das actividades e programas. No verán acampamos en Brandomil e volvemos á Costa da Morte.
Este é o ano dos Ancares. Na primavera abordamos un dos proxectos mais ambiciosos dos levados a cabo até esa data, tanto no organizativo como no económico. A implicación de todos e todas lévanos a pasar uns días inesquecibles na neve dos teitos de Galicia. Avanza o curso con contactos con movementos de renovación pedagóxica e con outras asociacións afíns a nós e distanciámonos cada vez máis da ortodoxia dos Scouts até que a fin de 1986 constituímos a Asociación Xuvenil Itaca como proxecto independente dos Scouts de Galicia. O Campamento de verán en Prados será o derradeiro coas pañoletas grises e vermellas como distintivo.
Imos tomando o pulso e andando nos soíños fóra do paraugas dunha asociación con moito recoñecemento e 75 anos de historia. A cambio, ideas, moitas ganas e entusiasmo, miles de horas de traballo e o apoio de familias. A ludoteca toma vida propia no remozado salón parroquial de San Fiz. O campamento de verán no Grove pecha un curso redondo. En setembro o curso empeza coas olimpíadas nas Sinas.
Primeiro gran relevo xeracional: os que viñeron de nenos e nenas ás actividades agora son educadores. Percorremos Trazo en Pascua e os tesos cumes do Courel no verán, noutro campamento que vai poñer a proba á nosa capacidade organizadora, con rutas que acariñan o Sil e conquistan Penarrubia. Non paramos de darlle á cabeza, e arranca un proxecto que denominamos Sección Cultural. A Intersección na que se encontran Novoneyra e Emilio Cao enche o auditorio de Caixa Galicia.
O noso último ano nos locais da igrexa. Ano de decisións complicadas cun proxecto en constante evolución. Toca buscar alternativas. Toca decidir como continuar e manter a nosa independencia como realidade de intervención sociocultural no Santiago de aqueles anos. Marchamos de campamento a Pontesegade, onde empeza o Cantábrico, e á volta do verán collemos os trastes e mudámonos para aquelas catro paredes que teríamos que converter na nosa casa.
Empezamos o ano co local novo, pero sen poder usalo. Ano difícil onde a falta de local en condicións empeza a erosionar a dinámica de actividades continuas. Aínda así, conseguimos que Xunta e Concello permitan o uso das instalacións da Casa da Mocidade na praza do Matadoiro. Intensifícanse as relacións con outras asociacións e traspasamos a fronteira imaxinaria do Miño para irmos á praia de Apulia en Portugal e facer alí o campamento de verán. Avanzamos e permanecemos.
Aínda que xa tiñamos alugado o local do Pombal 18, aínda estaba sen arranxar. As súas condicións eran bastante peores que calquera espazo habilitado para almacén nun campamento (sen xanelas, sen escaleira, sen luz nin auga..). Continuamos coas actividades semanais, temporalmente na casa da xuventude e directamente nas rúas. O campamento de verán foi en San Miguel de Tabagón (O Rosal). Unha zona estupenda á beira do río Miño. Só tiña un problema, estaba chea de mosquitos, que nos desfiguraban coas súas picaduras. Á volta deste campamento empezamos a darlle voltas á idea de arranxar o local.
A pesar de continuar aínda sen local aberto, Itaca mantén o nivel das súas actividades. Continúamos coas actividades de rúa, aproximándonos xa ao noso barrio, empezando as actividades na Carballeira de San Lourenzo. Facemos un campamento de semana santa en Forcarei e o de Nadal na parroquia de Prevediños (Touro). O campamento de verán, en Ribadeo foi dos máis concorridos da Asociación Itaca cunha participación de 85 persoas entre educadores e rapaces.
Á volta do campamento de Verán comezamos en serio as obras de arranxo en Pombal 18, que culminan a finais de ano.
Itaca participa na constitución do Consello da Mocidade de Compostela (Co.Mo.Co), xunto cun montón de asociacións xuvenís e culturais que había daquela na nosa cidade. Unha proba da vitalidade do movemento asociativo nesa época foron as reivindicacións do carril bici, o apoio á insubmisión e a celebración de actividades conxuntas. A actividade máis salientable foi un xogo de rúa pola cidade, coa participación de todos @s nen@s das asociacións, coordenadas por si mesmas, que significou o primeiro momento de apropiación da cidade pola xente máis pequena: Tomemos a rúa.
A principios deste ano inauguramos, por fin, a nosa ludoteca. O concello de Santiago négase a aceptar a nosa proposta de colaboración para ofertar conxuntamente unha ludoteca (pioneira en Galicia nese intre) e outras actividades con respaldo municipal. O local xa está funcionando, pola nosa conta e risco, co único apoio dos nosos socios e socias.
Este ano facemos un campamento de semana santa en Corme e descubrimos unha zona que sería moi visitada por nós. No campamento de verán na area de Pontesegade, estréase un remake da obra de Chévere Río Bravo, que se acabaría convertendo nun fito cultural da Asociación. O campamento de Pontesegade tamén sería lembrado por converter este ano no ano da carracha.
O local empeza a coller vida e ademais das actividades propias, é utilizado por outras entidades cidadás, suplindo así a carencia deste tipo de espazos abertos a nivel municipal. Celébrase no local o primeiro encontro galego de xogos de rol.
Neste ano nacen tamén dous proxectos da Asociación Itaca que terían un prometedor futuro. Un proxecto de animación sociocultural para adultos (e familia) con centro de interese no elemento gastronómico, denominado A troita armada, e un proxecto para adultos e mocidade, centrado na natureza e sendeirismo que empezou denominándose Coñece o teu país, e finalmente daría lugar á formación de Carricanta.
A pesares dos mosquitos do ano 91, decidimos volver a San Miguel de Tabagón (O Rosal) e gozar dos baños do río Miño, no campamento de verán. En semana santa decidimos repregarnos cara ao interior e facer o campamento na Ribeira Sacra.
Os proxectos da Troita Armada e de Coñece o teu país-Carricanta, empezan a coller autonomía suficiente respecto do colectivo de educadores, medrando en socios propios e constituiranse en asociacións independentes dentro do proxecto de animación sociocultural da Asociación Itaca.
Por outra banda dentro da Asociación xuvenil Itaca deixamos o esquema de funcionamento por grupos de idade e constituímos dous grandes proxectos de animación infantil e xuvenil: a ludoteca e o grupo xove.
Este ano fixemos o campamento de verán en Lira, nun lugar que tamén acabaría adoptado por nós.
Neste ano constitúese un novo xeito de entender as relacións entre os varios proxectos que naceron do proxecto da Asociación xuvenil Itaca e constituímos a Federación Itaca de animación sociocultural, formada pola Asociación Xuvenil Itaca, a asociación cultural e gastronómica A troita armada e a asociación de tempo libre e natureza Carricanta, cunha Comisión Permanente, como figura de enlace entre as tres asociacións.
No campamento de verán deste ano volvemos a Corme, onde celebramos un gran xogo no que os homes do mar xúntanse cos da terra para liberar ao seu pobo escravizado.
Neste ano hai un cambio xeracional importante no equipo de monitores/as, con moitas novas incorporacións de persoas que até entón viñeran a Itaca de nen@s. O campamento faise en Muros, nas inmediacións dunha antiga nave de salgado, e os diferentes grupos de idade emprenden rutas pola zona á procura das andrómenas.
Este ano continúa o relevo xeracional, e créase unha nova figura de transición entre nen@s e monitores/as: o grupo de maiores, rebautizado como “Castronas” vai asumindo funcións de programación, e no campamento, que ten lugar en Antas de Ulla, organizan un Grande Xogo con varias meigas como protagonistas e o roubo dun cáliz como fío condutor, que leva a todo o grupo ao castelo de Amarante. A comezos do ano, o grupo de maiores fai unha ruta polas Fragas do Eume.
O grupo de maiores tamén inicia os trámites para un intercambio con Escocia, e desenvolven orixinais ideas para recadar cartos. Tamén neste ano nace Sete Noites en Alaska, a revista de creación literaria da asociación.
A Pena do Inferno, na Fonsagrada, é o destino escollido este ano para o campamento de verán, que percorre varias épocas históricas. Asisten menos nen@s que outros anos, pero incorpóranse as castronas como monitoras. O grupo de maiores implícase na dinámica do campamento: elabórase unha RevIstaca especial ao remate do mesmo, e comezan a participar nalgunhas reunións.
Este ano, o campamento ten lugar en Rianxo, co mundo pirata como centro de interese. Hai un novo relevo xeracional, coa incorporación de monitores/as que até entón asistiran como nen@s. Prográmase actividade no local, coma un espazo de xogo semanal, os sábados á tarde, ou festas de aniversario. Créase o Grupo de Letras, con vontade de programar actividades de animación á lectura e escritura. Tamén obradoiros de teatro e fotografía.
Nace a Comisión Permanente, como figura de enlace entre as tres asociacións que integran a Federación (Itaca, Carricanta e A Troita Armada).
Itaca colabora co Concello de Santiago no programa Boas Noites, con actividades como Fogóns do mundo, na Troita Armada, ou xogos de rol e obradoiros.
O campamento deste ano foi máis alá das fronteiras administrativas galegas! Tivo lugar en Balboa, no Bierzo, onde recreamos Camelot, o mundo do Rei Artur, a raíña Xenebra, Morgana, Lancelot... E a procura do Santo Graal. Mentres, continúa a actividade no local co(a)s máis pequen@s. Itaca colabora de novo en Boas Noites, e participa no Foro da Mocidade, xunto con outras asociacións (Casa Encantada, Parrulos, Espazo Aberto, Galiza Nova...)
Este ano, Itaca volveu ao piñeiral das Cabaleiras, en Lira, no campamento de verán. Misteriosos personaxes fan falcatruadas pola noite cando ninguén os ve, e ao día seguinte deixan un enorme R no lugar dos feitos... @s rapos@s comezan a actuar!
O Grupo de Letras saca un novo número de Sete Noites en Alaska. Durante o curso, o local seguiu funcionando, a Federación coa Troita e Carricanta avanza, e os seus medios de comunicación (a páxina web e a RevIstaca, con novo formato), tamén. Contrátase unha persoa para que asuma as tarefas de xestión. O goberno do Estado publica unha nova Lei de Asociacións (a anterior era do 65).
Desde Itaca e Carricanta ten lugar un intercambio con Lituania, en agosto deste ano, en Druskininkai, coa protección do medio ambiente como centro.
Comeza a colaboración con Nais e Pais polo Ensino en Galego, que traen @s nen@s, de idades moi curtas, a Itaca, a falta de espazos para primeira infancia onde se fale galego.
En novembro, o petroleiro Prestige parte fronte á Costa da Morte e 70.000 toneladas de fuel chegan ás praias. Isto desatou unha resposta popular e cívica que deu lugar ao movemento Nunca Máis!, e a Federación Itaca participa activamente nel.
O campamento deste ano é no lugar de Seselle, en Ares, e, como non podía ser doutra forma, ten o mar e as agresións ao medio como tema central. Tamén se fai, a comezos do ano, unha ruta co grupo de maiores pola zona de Neda, Doniños, ou San Xurxo, na Ferrolterra, e rematando o verán, outro pola Illa de Ons. Téntase implicar o novo (e numeroso!) grupo de maiores na programación.
Grazas a unha subvención da Unión Europea, solicitada a través dun dos monitores que o ano anterior fixera o Servizo de Voluntariado Europeo (Capital Futuro) remodélase o local para acondicionalo a un proxecto de ludoteca.
Ademais, iníciase o proxecto Edicións itaqueiras: sácanse unha serie de libriños de temáticas diversas (xogos tradicionais bailados, primeiros auxilios, contiños, iluminación e escenografía, o xogo e o xoguete, pinta e colorea...).
Créase tamén un grupo de rol, que comeza por organizar partidas e despois irá estendendo a actividade a maratóns de cine (coñecidos coma Frikitóns).
Pola falta de monitores, ese ano non ten lugar o habitual campamento de dúas semanas en xullo, pero si se fai unha pequena ruta de cinco días en San Martiño de Meis, cun grupo moi reducido. Por outra banda, seis rapaces do grupo de maiores e dous monitores participan nun intercambio multilateral en Oborniki Slaskie, Wroclaw (Polonia), durante tres semanas: descubriron Malta, Portugal Polonia e Hungría, e compartir con eles xogos e deportes.
Ao longo do curso fanse novas rutas en colaboración con Espazo Aberto: á Fonsagrada, onde moitos membros do grupo de maiores reencontran esta vila, e outros descóbrena por primeira vez.
En colaboración co Concello de Silleda, faise o campamento en Meira (Lugo), con pouc@s nen@s, pero moit@s deles nov@s, e co mundo mitolóxico galego como pano de fondo (trasnos, encantos, lobishomes e santas compañas).
Mentres, ao longo do curso, continúa a colaboración con Nais e Pais polo Ensino en Galego, xa integrada como unha actividade máis de Itaca co nome de Espazo Pícaro.
Campamento en Mallas, ao carón mesmo de Fisterra. O relevo xeracional deuse nos dous frontes nos que estaba a ser necesario: por unha banda, produciuse unha inxección de nenas e nenos novos, moitos dos cales seguen aínda hoxe indo aos campamentos e conforman o grupo de máis idade. Pola outra banda, uns cantos ex-campistas, coa maioría de idade xa cumprida, decidiron ir botar un cable e quedaron para sempre. Coa indignación do Prestige aínda presente, foi un ano de volver poñer os pés no camiño para uns, e de poñelos por primeira vez para outros. @s pequen@s de Espazo Pícaro asisten os primeiros días, para probar esta experiencia.
Período de reunións e reelaboración de estratexias en Itaca: Quen somos, de onde vimos, cara onde imos? O campamento faise en Seselle, Ares (un lugar xa coñecido por Itaca logo do seu campamento do 2003), e o relevo xeracional, aínda en fase de proba o anterior ano, comeza a asentarse. A partir de entón, queda formado o "núcleo duro" de educadores e educadoras de Itaca que máis ou menos continúa até hoxe.
É o ano de San Sadurniño, onde agora ao parecer hai construído un parque e non podemos volver. Ese ano o grupo de acampados é realmente pequeno, pero semella non importar: hai suficiente ánimo en todos nós (acampadas e educadoras), para pasalo ben e consolidar un grupo de xente que dende entón nunca máis faltou ás actividades da asociación.
Este ano o campamento ten lugar na Saleta, en Siador (Silleda), coa recollida da tradición oral como motivo. Aumenta o número de soci@s, e ao campamento asisten 36 nen@s. O grupo, xa asentado, inicia unha serie de rutas ao longo do ano: a parte fisterrá do Camiño de Santiago nese outono, Tomiño... E tamén se organizan fins de semana de convivencia no local (co nome de Descobre Itaca), ou reunións para xogar o último venres de cada mes (Itacatetimba).
Disólvese a Federación como ente común de organización das asociacións, e quedan compartindo o local Itaca e A Troita Armada.
Ponse en marcha o proxecto europeo de intercambio PortuGaliza.eu.
E Itaca volve, por terceira vez, a Lira! Cóbrense case as 40 das prazas que hai para esta actividade, (só quedaron tres). O campamento deste ano é unha viaxe arredor do mundo, pasando por varios países. Pero a globalización, aliada cos raposos e personificada en Donald MacRonald, un sinistro personaxe, tenta facer das súas e anular a diversidade de culturas.
Mantense a actividade no local ao longo do curso, con Itacatetimbas, Descobre Itaca e moito máis. Trázase a idea de crear unha Escola Non Formal de Artes e Oficios que abranga toda a actividade de diversos colectivos e persoas que empregan o local para dar clases: tango, guitarra, baile tradicional e pandeireta, pintura, etc.
O campamento deste ano ten lugar en Frádegas (Antas de Ulla), un mundo de contos entre os que se quere atopar o Códice Itaqueiro, misteriosamente desaparecido (unha vez máis, foron os raposos!). Por primeira vez, hai lista de espera para apuntarse a esta actividade.
O 15 de maio ten lugar a primeira gran manifestación nas rúas do que se chamaría movemento d@s indignad@s ou 15M, e Itaca implícase tamén a través da ocupación lúdica das rúas, coma no Día Internacional do Xogo, inserido no proxecto PortuGaliza.eu.
Continúa a actividade no local (clases e talleres, Itacatetimbas, Descobre Itaca, etc.).
E de novo recuncamos! Este ano volvemos ao Piñeiral das Areas, de Corme, para nos achegar cunha nova xeración de rapaces á procesión da Virxe do Carme, Monte Faro, Ponteceso, Laxe ou a Illa dos Cagallóns.
Seguimos con rutas, coma ás Illas Cíes, a Xinzo de Limia ou Manzaneda.
E a asociación fai 30 anos!!!
2013
2014
2015